Wednesday 01 de May de 2024

O novo curso na rede autonómica A Galiña Azul comeza hoxe cunha oferta de 3.750 prazas nas 60 escolas infantís da provincia da Coruña


A oferta de prazas medra este curso grazas á apertura de sete novos centros en Boiro, Cambre, Malpica de Bergantiños, Melide, Muros, Oroso e Porto do Son

Hoxe venres arranca o curso nas 60 escolas infantís da rede autonómica A Galiña Azul da provincia da Coruña. Para os primeiros días, estes centros programaron un período de adaptación e irán acollendo progresivamente a incorporación dos nenos e nenas de 0 a 3 anos matriculados. Este ano, a oferta de prazas nos centros coruñeses é de 3.749, cun incremento de 430 prazas respecto a 2014.

Segundo explicou esta mañá a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, nunha visita á escola infantil de Pastoriza, no concello de Arteixo, este novo curso a rede autonómica de escolas infantís contará con sete novos centros nos concellos de Boiro, Cambre, Malpica de Bergantiños, Melide, Muros, Oroso e Porto do Son. A estas hai que engadir a de Narón-Xuvia, que xa funcionaba como municipal e pasa a formar parte da rede da Xunta. Desde 2009 ata este momento, as prazas incrementáronse en 1.947, o que supón un aumento de máis do 100%.

Ademais dos centros da Galiña Azul que inician agora o curso, a oferta de prazas sostidas con fondos públicos inclúe tamén escolas municipais, de iniciativa social e cheque infantil. Este curso 2015-2016, como novidade, haberá tamén preto de 500 novas prazas públicas en toda Galicia de 0 a 3 anos financiadas con fondos da Administración autonómica a través do sistema de concerto con centros privados, unha opción que se pon en marcha este ano nas sete cidades galegas e as súas áreas de influencia. Así, na actualidade hai en total preto de 20.500 prazas a disposición das familias galegas.

Con esta oferta, acádase por primeira vez a cobertura recomendada pola Unión Europea para o tramo de idade 0-3, que supón contar cunha oferta de 33 prazas para cada 100 nenos e nenas en idade de acceder a unha escola infantil.

Outras escolas en obras
Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, a xefa territorial de Traballo e Benestar, Pilar Caridad, e a directora da escola infantil de Pastoriza, Aurora Naveira, recordou que a planificación de novas prazas que está a executar a Consellería de Traballo e Benestar inclúe actualmente na nosa provincia outros cinco centros xa en construción, que suporán un total de 328 novas prazas: Ames, Fene, Oza-Cesuras, A Coruña-A Sardiñeira, Arteixo (estas dúas últimas executadas a través dun convenio asinado entre o departamento autonómico e a Fundación Amancio Ortega).
Segundo indicou a representante do Goberno galego na provincia, “a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís de 0 a 3 anos é un dos obxectivos fundamentais do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, que conta con 69 medidas, e que pretende mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos galegos e galegas”.